RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

A actualidade deste mércores chega marcada por un incendio nunha vivenda de Guimarei, que quedou controlado sen provocar danos de consideración. Tamén repasamos o avance das obras de mellora na PO‑841, que están a ocasionar retencións puntuais mentres se completa o pintado da vía.

O Concello da Estrada vén de adxudicar a ampliación do parque infantil de Figueiroa, unha actuación que permitirá gañar espazo de xogo nunha das zonas con maior poboación nova da vila. Pasamos tamén pola Praza de Galicia, onde esta mañá se realizou a limpeza da fonte tras as celebracións das últimas semanas.

Falamos de solidariedade: A Estrada volveu superar as 1.260 doazóns de sangue nun ano e participa na campaña especial de verán para reforzar as reservas dos hospitais galegos. No tramo final, achegámonos á parroquia de Frades para coñecer as novidades da Romaría dos Milagres de Requián, que se celebrará os días 28 e 29 de agosto. E pechamos coa cultura e a música tradicional, porque Tequexetéldere emprende hoxe viaxe cara a Lorient para representar a Galicia nun dos festivais intercélticos máis importantes do mundo.

En comarcas
En Teo, o Pleno debate cambios no Plan Xeral para flexibilizar a construción e a aprobación da primeira ordenanza municipal de residuos. En Bertamiráns, a Xunta anuncia o impulso dun novo parque empresarial de preto de medio millón de metros cadrados. E en Ponte Ledesma, xa se ultiman os preparativos para recrear o vindeiro 9 de agosto as emboscadas contra o exército de Napoleón, unha cita que combina historia, cultura e centos de visitantes.

En deportes
Facemos balance da tempada de taekwondo da Escola PHI, onde Roi Fraga conquistou o ouro sénior no Portugal Open, no seu debut internacional absoluto.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_178121879_feed_1.mp3

Scroll al inicio