RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

A actualidade deste xoves chega marcada por un accidente en Lamas, onde un mozo de 19 anos resultou ferido de consideración tras sufrir unha saída de vía co quad que conducía. Tamén repasamos as obras na contorna da Praza da Igrexa, destinadas a trasladar os colectores do lixo á parte traseira do templo.

Os veciños da PO‑213 anuncian que retomarán despois do verán as mobilizacións para reclamar á Xunta unha mellora integral da estrada. A xornada inclúe ademais unha sesión gratuíta para persoas autónomas no Teatro Principal.

No ámbito político, o BNG da Estrada celebra un acto aberto polo Día da Patria Galega. En educación, o Concello abrirá o vindeiro luns a matrícula dun curso de lingua e cultura galegas para persoas chegadas de fóra de Galicia. E na cultura, a Galería Diáspora presenta este venres un foto‑libro dedicado a MAN de Camelle, obra da que o seu autor falou esta mañá en Radio Estrada.

En comarcas
En Rodeiro, comezan as obras da concentración parcelaria de Val de Camba, cun investimento de 1,7 millóns de euros. En Forcarei, o Concello reforzará en agosto o servizo de recollida de papel e cartón en Forcarei e Soutelo de Montes ante o incremento da actividade estival. En Cuntis, o Partido Popular responsabiliza ao goberno local de que quedasen desertas as licitacións para construír a nova piscina municipal. E en Padrón, AMIPA pon en marcha unha nova edición de “Camiño á Inclusión”, dirixida a peregrinos ao seu paso pola Escravitude.

En deportes
O Club Deportivo Estradense afrontará a nova tempada cun orzamento de 239.000 euros, tras pechar o último exercicio con superávit e co obxectivo de manter a competitividade na Terceira Federación. Ademais, Estrada Pádel abre as inscricións para a terceira proba do V Xacobeo Pádel Tour, que se disputará entre o 19 e o 29 de agosto.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_177797642_feed_1.mp3

Scroll al inicio