A actualidade deste mércores chega marcada por un suceso na Estrada, coa detención dun home de 55 anos como presunto autor dun delito de violencia de xénero. No ámbito da administración de xustiza, o partido xudicial da Estrada deixa de depender do Imelga de Santiago e pasa oficialmente á subdirección de Pontevedra.
En infraestruturas, xa está aberto ao tráfico o tramo entre A Ramallosa e Pontevea da autovía que conectará Santiago coa Estrada. Tamén recollermos as queixas polos reiterados cortes de subministro eléctrico en varias parroquias do rural, ante os que o Concello recomenda comunicar cada incidencia directamente ao servizo de avarías de Naturgy.
Achegámonos ao inicio das prácticas do alumnado do Obradoiro de Emprego “A Estrada Emprega Foresta”, que xa traballa sobre o terreo estes días. No apartado educativo, repasamos as reivindicacións da comunidade escolar tras confirmarse os cupos de profesorado para o próximo curso, e o apoio expresado polo BNG a través dunha iniciativa parlamentaria. Pechamos coa cultura: este venres a Galería Diáspora presenta un foto‑libro dedicado a MAN de Camelle, obra da que o seu autor falou esta mañá en Radio Estrada.
En comarcas
A información comarcal lévanos a Rodeiro, onde a Xunta destina 150.000 euros para completar o futuro edificio polivalente que albergará un centro de día e o PAI. En Lalín, o conselleiro Diego Calvo participou na clausura dun curso de verán da UNED dedicado aos servizos públicos supramunicipais. E pechamos en Valga, onde Adif executa traballos de mellora na infraestrutura ferroviaria ao paso do tren polo municipio, mentres continúa pendente o proxecto do novo apeadoiro.
