A Estrada arrinca a xornada cunha boa nova: o municipio repartiu parte do segundo premio da Lotería Nacional, deixando 120.000 euros entre os agraciados. Tamén coñecemos o primeiro paso cara a un irmandamento entre A Estrada e Rianxo, unidos polas figuras de Castelao e Virxinia Pereira.
No ámbito das infraestruturas, a Xunta recibe seis ofertas para a mellora do firme das estradas da Estrada e Agolada, cun investimento previsto de máis de 3,6 millóns de euros. E seguindo co estado das vías, o BNG local denuncia a situación perigosa da PO‑213 e reclama unha intervención urxente.
A axenda municipal continúa co Entroido, cunha reunión na Casa do Concello para perfilar os últimos detalles. A cultura tamén é protagonista: a Biblioteca da Estrada bate récords por quinto ano consecutivo, achegándose aos 8.000 préstamos anuais. Ademais, Xesús Palmou recibe a insignia de ouro do Colexio de Avogados de Pontevedra, e Valentín García é nomeado Comendador do Cocido 2026 pola súa traxectoria e apoio a Lalín. O Novo Mercado da Estrada acollerá o 14 de febreiro a actividade infantil Chef por un día.
Na comarca, en Caldas de Reis, un vehículo quedou totalmente calcinado tras saírse da vía en Saiar, sen causar feridos. En Cuntis, o PP volve reclamar a mellora integral da N‑640 polo seu estado perigoso.
En deportes, Martín Ruibal proclámase subcampión galego sub23 de lanzamento de xavelina en Santiago. E repasamos a xornada futbolística da fin de semana coa crónica de Rafa Vázquez, incluído o empate a un entre o CD Estradense e o Xuventude de Sanxenxo.
