A actualidade deste venres chega marcada por servizos públicos, infraestruturas e as citas que protagonizarán a fin de semana na Estrada. O día comeza pendente do rescate dun condutor accidentado en Teo, unha intervención na que participou Emerxencias A Estrada. No ámbito ambiental, o municipio entra en prealerta por seca, coa Xunta insistindo na necesidade dun uso responsable da auga, mentres na praia fluvial de Liñares chegan boas novas: os traballos de instalación das novas comportas xa están rematados.
O Concello abre o prazo para solicitar as axudas para fosas sépticas no rural, avanza na contratación do novo aparcadoiro para camións e prepara a apertura, este luns, das inscricións para o Campamento do Mar con destino á Illa de Ons. E, como cada mes de xullo, a fin de semana estará marcada pola celebración de San Cristovo, coa tradicional caravana automobilística e a bendición dos vehículos, unha das citas máis queridas polos profesionais do volante e pola veciñanza.
En comarcas
A información comarcal lévanos primeiro a Boqueixón, que subministrará auga ao municipio de Touro para garantir o abastecemento de máis de 600 veciños mentres se executa unha nova traída. En Cerdedo, a Plataforma pola Sanidade Pública volve reclamar unha ambulancia operativa as 24 horas para o PAC. En Forcarei, continúan as melloras na sinalización e no estado dos Camiños Miñoto Ribeiro e da Geira ao seu paso polo municipio. E pechamos en Padrón e Teo, coa visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para coñecer as actuacións realizadas tras o incendio de xuño e participar na sinatura de convenios coas entidades de pesca.
En deportes
O Concello da Estrada abre do 15 ao 22 de xullo un novo prazo de inscrición para o Campus Deportivo de Verán de agosto.
