No informativo de hoxe damos conta do capítulo de sucesos coa aparición dun home sen vida nun garaxe da Avenida de América, na Estrada, nun caso que todo apunta a que responde a causas naturais. Tamén repasamos dúas resolucións xudiciais: a condena dun estradense por acoso á súa ex parella durante o divorcio e a absolución doutro veciño acusado de malos tratos, ameazas e agresión sexual por falta de probas.
Falamos ademais do inminente inicio das Santas Tapas, cos Bono Combo dispoñibles desde o venres en 22 locais da Estrada, unha iniciativa que busca dinamizar a hostalaría durante a Semana Santa. No ámbito cultural, o Conservatorio da Estrada presenta a cuarta edición da Semana das Artes Galegas, dedicada a José Suárez e cunha exposición de Aroa Martínez.
O PSOE local cuestiona os orzamentos de 2026 e pon o foco nos atrasos do documento, mentres que sesenta estudantes estradenses son premiados no concurso Dinamizaestrada de micropoemas e microrrelatos. Para a cativada, lembramos a obra “Dedin Dein Dedal”, que chega este sábado ao Teatro Principal. E tamén destacamos a inauguración do Escaparate da Comisión de Festas do San Paio, valorado en 15.000 euros.
Na comarca, o sector primario reuniuse en Lugo para analizar ameazas como Mercosur e a PAC, avanzando cara a novas mobilizacións. Ademais, Medio Rural destina 1 millón de euros ao control leiteiro para mellorar a calidade e a xenética das explotacións galegas.
En deportes, o CNS A Estrada proclámase campión galego absoluto e júnior masculino cun total de 22 medallas, nunha xornada histórica para o club. E pechamos coa presentación da novena Romería Celtista, que se celebrará na Estrada os días 29 e 30 de maio organizada pola Peña Doutor Cota.
