RadioEstrada

Gonzalo Louzao celebra en Bos Aires o 82º aniversario do Centro Cultural do Partido da Estrada e reivindica a “parroquia 52”

Escoita de novo a Gonzalo Louzao en Actualidade Mediodía <-

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, sumouse este domingo aos actos polo 82º aniversario do Centro Cultural do Partido da Estrada en Bos Aires, unha cita na que tamén participaron representantes da Deputación de Pontevedra como o presidente Luis López, o vicepresidente Rafael Domínguez, o deputado e alcalde de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela, e o concelleiro estradense Óscar Durán.

A súa chegada foi recibida cunha posta en escena moi especial: gaiteiros do Centro Galicia deron a benvida á delegación estradense. Louzao asinou no libro de honra e participou nun almorzo con preto de 200 persoas, no que se entregaron distincións aos socios nados na Estrada.

“Hoxe visito a parroquia 52”

Na súa intervención, o alcalde destacou o forte vínculo da colectividade coa súa terra:

“É un pracer visitar a parroquia 52 da Estrada e comprobar a boa saúde coa que aquí medra o noso sentimento máis forte: o estradensismo”.

Louzao lembrou que é a súa segunda visita ao centro, pero a primeira como alcalde, e subliñou o impacto emocional que lle supuxo reencontrarse coa comunidade emigrante:

“Un alcalde ten que amar profundamente a terra á que serve, e cando sentes ese amor es máis capaz de percibilo tamén nos demais”.

O rexedor felicitou especialmente ao presidente do centro, José Manuel Basteiro, distinguido este ano na Estrada co Salmón de Ouro e recentemente nomeado presidente da Federación de Sociedades Españolas na Arxentina.

Unha entidade con historia

O Centro Cultural do Partido da Estrada naceu en 1943, froito da fusión entre a Unión Estradense e a Federación Agraria de A Estrada, dúas entidades creadas a comezos do século XX. O acto de aniversario contou coas actuacións do coro Airiños da nosa terra e do corpo de baile Bruxos e Meigas.

Axenda en Bos Aires

Louzao e Óscar Durán completan hoxe unha xornada de visitas institucionais que os levará ao Centro Galego, ao Centro Galicia, ao Museo da Emigración Galega e a unha xuntanza coa colectividade de Lalín, Silleda e Agolada. A viaxe, iniciada o sábado á noite, remata este martes.

Scroll al inicio