RadioEstrada

Feliz 2026

O ano 2025 non foi doado para Radio Estrada. Enfrentamos cambios, retos técnicos e momentos complicados, pero seguimos adiante cun obxectivo claro: prestar un servizo público útil, próximo e á altura do que merece a nosa veciñanza.

Nada disto sería posible sen o apoio firme do Concello da Estrada e do goberno municipal de Gonzalo Louzao, que en todo momento amosaron a súa confianza na emisora e no seu labor como medio público ao servizo da cidadanía.

Queremos agradecer tamén o apoio e respecto de todos os grupos políticos da Corporación, que entendemos como un aval ao carácter plural, aberto e de utilidade social de Radio Estrada. Sentir ese respaldo institucional é clave para seguir medrando e mellorando.

Un agradecemento especial para A Estrada Dixital, que estivo ao noso carón en todo momento nos retos tecnolóxicos e dixitais: na creación da nova web, na canle de Telegram e na resolución de incidencias técnicas e de telefonía (entre outras moitas). O seu traballo, moitas veces silencioso, é imprescindible para que a emisora municipal funcione día a día.

Non queremos esquencernos dos anunciantes. Cada empresa, cada autónomo, cada Concello, cada asociación que confía en nós para dar a coñecer as súas actividades e facelo cun esforzo económico cada mes, tamén merece un agradecemento pola nosa parte e a nosa profunda admiración.

E, por riba de todo, queremos dar as grazas máis sentidas aos nosos oíntes. A vosa fidelidade, a vosa compañía diaria, as mensaxes, as chamadas e o cariño que nos transmitides son a verdadeira razón de ser da emisora. Sodes vós quen dá sentido a cada hora de programación.

Con este apoio conxunto —institucional, político, tecnolóxico, empresarial e social— afrontamos o 2026 con ilusión e responsabilidade, coa vontade de seguir facendo unha radio próxima, humilde e orgullosa da nosa terra.

Grazas de corazón. Seguimos xuntos.

Damián Cortés Rey.

Scroll al inicio