Neste xoves no que Christine fixo acto de presencia nós ficamos ao quente coa compaña da radio de proximidade. No É de mañá levantamos a persiana e o primeiro que vimos foi o Mosteiro de Carboeiro en Silleda que por fin recuperou dúas pezas do seu tímpano que foran expoliadas hai máis de 50 anos; disto e da necesidade dunha restauración urxente do edificio falounos a alcaldesa de Silleda Paula Fernández.
Antón Reigosa, unha das figuras máis recoñecidas en Galicia no eido da investigación da nosa cultura popular, conversou no É de mañá das orixes do Entroido, da súa simboloxía, das diferentes variantes e de como esta celebración permanece no tempo e fai parte da nosa cultura e identidade.
Como cada xoves Eli Rei chega cos seus petos inzados de curiosidades e desta vez á volta do Día Internacional da non violencia e da paz que se celebra o 30 de xaneiro.
E antes de botar a persiana falamos de libros, do traballo que desde hai máis de 20 anos está a facer Rinoceronte Editora, desde Cangas, para achegarnos as grandes obras da literatura universal, en galego, dende calquera xénero. Falamos co seu fundador e director Moises Barcia.
