A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promoveu a realización das primeiras catas arqueolóxicas no Castro de Barbude, un asentamento fortificado da Idade do Ferro no que nunca antes se realizara unha intervención deste tipo.
Os traballos, iniciados a semana pasada, xa deron resultados de interese, coa aparición de varias estruturas defensivas de gran entidade e o achado de materiais cerámicos. Entre os elementos máis destacados figura unha parte importante da muralla no acceso ao castro, así como unha zona especialmente singular do xacemento, un saliente da estrutura situado xa extramuros.
Para dar a coñecer estes achados, que serán de novo cubertos ao rematar a intervención co obxectivo de garantir a súa conservación, o departamento autonómico que dirixe José López Campos e o Concello de A Estrada facilitaron a celebración dunha visita guiada aberta á cidadanía.
Este sábado 20 de decembro, pola mañá, un autobús saíu da Praza da Constitución ás 10.30 horas con veciños e veciñas interesados en coñecer de primeira man os resultados da escavación. A pesar da choiva e do frío, foron moitos os estradenses que se desprazaron ata Barbude para participar nesta actividade divulgativa.
O percorrido estivo guiado por especialistas da empresa Adro Arqueolóxicas, responsable das prospeccións que se están a realizar no xacemento. A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, tamén se achegou á zona, acompañou aos veciños e destacou o carácter gratuíto e divulgativo da visita, animando á cidadanía a aproveitar esta oportunidade.
Cómpre lembrar que o Castro de Barbude xa fora obxecto de interese a comezos do século XX, cando aínda eran visibles restos da muralla sobre o parapeto e das cabanas circulares do interior. Existen fotografías que documentan ese estado do xacemento, tomadas tras as campañas de estudo realizadas en 1932 por figuras como Fermín Bouza Brey e Antón Fraguas xunto cos seus alumnos nesta parroquia da Estrada.
