O concelleiro de Economía e Facenda, Alberto Blanco, avanzou hoxe o anteproxecto dos orzamentos municipais da Estrada para 2026. Unhas contas que ascenden a 19.456.000 euros, é dicir, 1,7 millóns máis ca este ano.
Nos ingresos destacan os 5 millóns en impostos directos —incluíndo 3,5 millóns do IBI urbano— e 10 millóns en transferencias correntes, con 6,8 millóns procedentes do Estado e 1,47 millóns da comunidade autónoma.
No capítulo de gastos, o Concello destina 6,6 millóns aos servizos públicos básicos: arredor de 1,85 millóns para seguridade e orde pública, case 900.000 euros para recollida do lixo e un millón para iluminación.
Os Servizos Sociais continúan en expansión e superan xa os 4,28 millóns, cun novo incremento no Servizo de Axuda no Fogar, que pasa dos 400.000 euros no 2011 a máis de 1,7 millóns para 2026.
O apartado de investimentos reais tamén medra e supera o millón de euros, con actuacións na Carballeira de Melania, no centro de saúde de Oca, en varios pavillóns escolares e en novos alumeados.
Ademais, o orzamento non inclúe aínda os máis de 4 millóns que o Concello deberá achegar ao plan EDIL, financiados mediante unha operación de crédito.
Alberto Blanco resumiu que o obxectivo é “cumprir cos servizos públicos, garantir sustentabilidade e reforzar a protección social”.
