O Concello da Estrada habilitará oito prazas de estacionamento específico diante das farmacias do casco urbano. Alcalde, Gonzalo Louzao; o concelleiro Alberto Blanco; e o xefe da Policía Local, Javier García, reuníronse cos responsables destes establecementos para explicarlles a medida, que busca facilitar un acceso rápido ás persoas maiores, con mobilidade reducida ou que acoden enfermas ao servizo de urxencia.
Cada farmacia contará cunha praza propia, situada o máis preto posible da entrada e marcada con pintura verde e unha cruz branca. O tempo máximo de uso será de 10 minutos, co obxectivo de favorecer a rotación e que o maior número de persoas poida facer uso desta facilidade.
O goberno local lembra que esta iniciativa responde a unha demanda histórica do sector e pon en valor o carácter público e esencial do servizo farmacéutico, especialmente tras a experiencia da pandemia. Louzao subliñou que a prioridade é “pensar no usuario”, nun contexto no que as peonalizacións e humanizacións das rúas reducen o estacionamento próximo.
A Policía Local comezará a pintar as prazas en canto o permita a meteoroloxía e xa ten encargada a sinalización vertical. Os axentes vixiarán o seu correcto uso e piden aos profesionais das farmacias que comuniquen calquera incidencia.
