Neste Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, A Estrada súmase ás reivindicacións do 25N cunha concentración cidadá prevista para as oito da tarde na Praza do Concello. A loita contra a violencia machista tamén protagoniza numerosas actividades educativas no IES Antón Losada Diéguez, centro que ademais participa nunha competición galega de ciberseguridade con 366 estudantes.
No ámbito municipal, o pleno abordará cuestións relevantes como a posible incorporación da Estrada á Mancomunidade Terras de Deza-Tabeirós e un novo contrato enerxético. Tamén continúa a polémica pola falta de iluminación nos xardíns municipais, unha situación denunciada polo PSOE e que, segundo o Concello, xa quedou solucionada na Alameda durante a tarde de onte.
Falaremos ademais do avance da instalación da decoración de Nadal, coa chegada da árbore de 22 metros que comeza a montarse esta tarde, e da adxudicación das obras para eliminar as humidades no pavillón do CEIP Cabada Vázquez por máis de 31.000 euros.
No apartado cultural e social, achegarémonos á charla sobre alimentación e prevención do cancro que acollerá mañá o MOME, á presentación de Contos de fútbol na Casa das Letras e á Gran Gala de Circo no Camiño, que reunirá este sábado na Estrada algunhas das principais figuras do circo actual.
Nas comarcas, informamos do falecemento dunha muller en San Pedro de Losón tras caer ao interior dun pozo nunha finca familiar, dun accidente con envorco en Lalín que se saldou cun ferido leve e do recoñecemento acadado por varios produtos dezáns nas catas galegas, con tres medallas de ouro
