RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

A actualidade deste informativo pasa pola decisión da Xunta de arquivar o procedemento administrativo da gasolineira proxectada na Baiuca, apoiándose nos informes técnicos emitidos polo Concello da Estrada, nun expediente que recibiu 730 alegacións particulares.

Tamén falamos da alerta xerada no CEP Pérez Viondi polo aparecemento de xiringas na zona de acceso posterior ao centro educativo, un feito que motivou aviso e preocupación entre a comunidade escolar.

Repasamos igualmente a folga xeral convocada pola CIG, que conta esta mañá cunha das 17 mobilizacións celebradas en Galicia na Estrada, converténdose na referencia para toda a comarca do Deza-Tabeirós Terra de Montes.

No ámbito cultural, achegámonos á entrega dos XXXVI Premios San Martiño de Normalización Lingüística, unha gala na que se reivindicou o galego como un auténtico “tesouro vivo”, e presentamos tamén a chegada da iniciativa Circo no Camiño, que traerá á Estrada espectáculos de maxia, música e humor entre os días 27 e 29 de novembro.

Nas comarcas, Lalín estrea un selo propio para as credenciais dos peregrinos do Camiño de Inverno e da Vía da Prata; máis de 10.000 persoas están convocadas esta fin de semana ás oposicións do Sergas no recinto feiral de Silleda; e a Feira Cabalar de San Martiño de Francos reúne hoxe en Teo representantes da Xunta e do sector equino.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_183678209_feed_1.mp3

Scroll al inicio