Neste informativo repasamos a actualidade da xornada coa mirada posta nun accidente de tráfico rexistrado na parroquia de Moreira, onde unha persoa resultou ferida tras sufrir unha saída de vía e envorcar co seu vehículo na EP-7017, á altura da Pica.
Ademais, seguimos o inicio das obras de mellora do obradoiro de emprego A Estrada Emprega Foresta, coa visita do delegado da Xunta en Pontevedra, e facémonos eco da solicitude da Comunidade de Usuarios de Berres para captar máis de 16.000 metros cúbicos de auga anuais destinados ao regadío.
Tamén falamos da entrega dos Premios San Martiño 2026, que recoñecen este ano o labor de Coto Manguelo, Leilía e Eferro, así como dun novo obradoiro promovido pola Asociación de Comerciantes da Estrada centrado no emprendemento e na Intelixencia Artificial.
Na nosa axenda destacamos a charla informativa que a Garda Civil ofrece en Toedo para axudar ás persoas maiores a previr estafas e roubos, e achegámonos ao mundo da literatura infantil co regreso do popular gato Fazulas, protagonista dunha nova aventura creada por Xosé Lueiro e Sara Valcárcel.
No bloque comarcal, analizamos a activación do protocolo sanitario na residencia DomusVi de Lalín por un brote de sarna, as denuncias de veciños de Meira, en Cuntis, por supostas verteduras da depuradora ao río Gallo, e a petición de rectificación formulada por Elas Eles á televisión pública en relación coas informacións difundidas sobre o prezo do leite.
E nos deportes, celebramos a chegada a Marrakech dos tres equipos de A Estrada e Silleda participantes no Chatarras Raid, tras completar preto de 3.000 quilómetros de aventura, e repasamos os excelentes resultados dos atletas do Club Atletismo A Estrada, con destacadas actuacións de Carla Pintor, Xurxo Vázquez e Paula Iglesias no arranque da tempada.
Escoita toda a información local, comarcal e deportiva neste novo informativo de Radio Estrada. #AEstrada #Comarcas #Deportes #ActualidadeLocal #RadioEstrada #InformativoLoc
