RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

No informativo de hoxe repasamos a actualidade da Estrada e da súa contorna. Abrimos coa colisión entre dous vehículos na avenida Benito Vigo, un accidente que se saldou co traslado dun dos condutores ao centro de saúde. Ademais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratifica a condena dun ano de cárcere por acoso machista nun caso instruído nos xulgados estradenses.

Tamén abordamos as novidades sobre o médico do PAC da Estrada, que queda en liberdade con medidas cautelares mentres continúa a investigación xudicial. No ámbito cultural, o Concello entregou o Premio Alberte Quiñoi ás autoras de Paio e o Gatipedro.

Falamos igualmente do comezo das obras de reasfaltado da PO-213, dos cortes de tráfico previstos, da organización do acendido do Nadal estradense e da visita institucional do delegado da Xunta á empresa Hierros Diego. Informamos ademais do inicio das inspeccións da ITV móbil, das alegacións ao proxecto da gasolineira da Baiuca e da concentración convocada polo BNG contra a súa instalación.

Completan os contidos a presentación dun libro sobre o legado de Jesús Mayo Brenlla, a nova cita solidaria da Fundación Andrea para o Nadal e toda a actualidade comarcal, con protagonismo para as reivindicacións sanitarias en Cuntis, o novo itinerario seguro cara ao límite coa Estrada e a entrega das Bandeiras Verdes de Galicia en Vedra.

No bloque deportivo destacamos a sétima posición de Andrea Alende na Supercopa de España cadete de judo e a celebración esta fin de semana dun raid hípico que converterá A Estrada nun referente para os afeccionados desta disciplina.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_182571192_feed_1.mp3

Scroll al inicio