Un tremor de terra con epicentro en Ponferrada rompeu a tranquilidade da noite e deixouse sentir de maneira leve en distintos puntos da Estrada, protagonizando a apertura deste informativo.
Repasamos ademais a actualidade local coa apertura oficial da causa para a canonización de Santa Paterna de Arnois, a petición do Concello da Estrada para modificar o trazado da liña eléctrica a Paizás co obxectivo de protexer o patrimonio e os espazos naturais, e a campaña de ADEGA para recadar fondos cos que recorrer o proxecto da liña de alta tensión Pico Touriñán-Tivo.
Tamén falamos da participación da Estrada nun estudo cidadán sobre a calidade dos solos da contorna do Ulla, do irmandamento oficial con Rianxo que se formalizará este luns, da posible incorporación do municipio á Mancomunidade Terras de Deza e do remate do prazo para anotarse no Programa de Prevención da Dependencia.
Completan os contidos a nova web do Camiño da Geira e dos Arrieiros, os talleres organizados por Bonsái A Estrada, a reunión das familias Mono-Maren-Táis, a xuntanza anual da promoción de BUP 75-79 e a programación cultural da fin de semana.
No bloque comarcal achegámonos á andaina solidaria de Aupa Deza en Silleda, ao curso gratuíto de defensa persoal para mulleres en Lalín e á homenaxe que Portas rende ao reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón.
E no deporte, previa completa da fin de semana co partido do Estradense fronte á SD Silva e toda a actualidade do fútbol e fútbol sala da comarca da man de Rafa Vázquez.
