No informativo local de hoxe abrimos cunha información de servizo: o Concello da Estrada contará con 14 festivos laborais no ano 2027, incluíndo como datas locais o 24 e 25 de xuño, coincidindo coas festas de San Paio.
Ademais, falamos da avaría na rede de auga que obrigará a interromper mañá o subministro en varias rúas do casco urbano, das obras da compañía R na rúa Iryda, que se prolongan pola aparición dunha arqueta non prevista, e dos traballos de recuperación patrimonial realizados polo Obradoiro de Emprego en distintos puntos do municipio.
Tamén recollemos a denuncia do PSOE da Estrada por presuntas verteduras de fecais no río Liñares, o novo récord de peregrinos no Camiño da Geira e dos Arrieiros, as charlas sobre convivencia e seguridade que se celebrarán no CPI do Foxo e o regreso aos ensaios do coro e da Big Band do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso.
Na axenda, lembramos que hoxe remata o prazo de inscrición para participar na Ruta Ciclo-Papeo-Turística organizada pola Asociación Coto Manguelo.
No bloque comarcal achegámonos a Cuntis, onde denuncian a saturación do centro de saúde e onde a Xunta investirá 1,6 millóns de euros na mellora do radar meteorolóxico de Xesteiras. Tamén falamos dos proxectos de asfaltado en Teo, do festival de maxia que prepara Ames e da situación do novo Belén de Valga.
Nos deportes, repasamos a eliminación da estradense Iziar Barcala do Mundial Júnior tras a derrota de España ante Xapón, o subcampionato galego conseguido por Manu Souto no Cross Country Maratón e a destacada traxectoria do Recreo Cultural entre os mellores equipos de tenis de España.
