O incendio dun camión cargado de cervexa na AP-9, á altura de Alba, en Pontevedra, abre o informativo deste venres. O condutor foi trasladado grave ao hospital e o sinistro obrigou a cortar a autoestrada, provocando importantes problemas de circulación.
Na Estrada, contamos os preparativos dun Plan Municipal contra a seca co consenso de todos os grupos políticos e a participación de tres colectivos na limpeza dos ríos Umia, Liñares e Vea.
A axenda da fin de semana chega con teatro e actividades nas parroquias: arrinca Estrada Escena Outono con Foise no vento e regresa Un cómico na aldea. Tamén repasamos a viaxe a Fátima da Confraría da Santa Cruz, a oitava ruta cabalar do Val de Vea e a Festa de Benvida ao Outono de Guimarei. Ademais, Patiñas A Estrada busca a familia dun beagle atopado en Arca.
Nas comarcas, abordamos o futuro da liña 12 entre Os Tilos e o Hospital Clínico, a falta de auga corrente que afecta uns 350 veciños de Briallos, a nova senda peonil de Cordeiro e a posta en marcha da depuradora de Fieitoso.
Nos deportes, Rafa Vázquez trae a previa do fútbol e do fútbol sala, co Estradense–Boiro deste domingo ás 18:00 no Novo Municipal. A Escola de Ciclismo Bikestrada inicia hoxe as clases.
