A actualidade deste mércores chega marcada pola concentración convocada pola FEGAMP ante a situación que se vive en Ceuta. A Estrada súmase á mobilización, que busca expresar solidariedade, defensa da convivencia e rexeitamento da violencia. A cita será hoxe ás 20:00 h na Praza da Constitución, e o presidente do PP estradense, Gonzalo Louzao, anima á veciñanza a participar nesta reivindicación.
Titulares do día
O Concello solicita ao Sergas un sistema de alimentación ininterrompida para protexer os equipos informáticos do centro de saúde de Oca ante os microcortes eléctricos.
O pleno de mañá abordará o protocolo de cooperación con Rianxo no irmandamento co Concello da Estrada.
O Obradoiro de Emprego mellora as zonas axardinadas da Rúa da Cultura.
O Concello protexe os cadros eléctricos da Alameda para evitar manipulacións e accidentes.
A Estrada inaugura mañá a exposición “Castelao Grafista. Facsímile” na Casa das Letras.
O PSOE pide recuperar a liña discontinua na baixada de Baloira.
A Fundación Salma presenta mañá na Estrada a súa rede de apoio á saúde mental.
A Escola da Banda Municipal abre o segundo prazo de matrícula para o curso 2026/2027.
Hoxe realizarase un corte nocturno da AC‑841 en Pontevea por obras de mellora do firme.
En comarcas
A Xunta reclama case 1,6 millóns de euros a UFD polo incendio de Padrón.
O Concello de Cuntis denuncia esperas de ata 21 días para conseguir cita médica e considera insuficiente a resposta do Sergas.
Moraña contará con 417.800 euros para crear unha senda peonil e mellorar espazos públicos en O Buelo.
Silleda Activa retoma a actividade con 149 participantes e 33 persoas en lista de espera.
En deportes
O CD Estradense presentará o 7 de setembro a nova tempada na Praza de Galicia.
A Estrada acolle este sábado o Máster Territorial de Bádminton N6.
