RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

A actualidade deste mércores abre cun suceso acontecido esta noite, despois de que un varón resultase ferido ao precipitarse desde un segundo andar, tendo que ser trasladado ao hospital, segundo informan desde Emerxencias A Estrada.
Tamén estaremos pendentes do aviso amarelo previsto para hoxe en Galicia, con chuvias intensas, treboadas e fortes refachos de vento, e do rescate dun gato que se refuxiara no motor dun vehículo e que foi liberado polos servizos de emerxencias.

No apartado municipal, coñecemos como A Estrada pechou o ano 2025, cunhas contas marcadas polo pagamento de 2,8 millóns de euros pola RPT e cunha redución da débeda.
En educación, modifícanse as unidades e o cadro docente en tres colexios da Estrada.
E pechamos cunha oportunidade laboral: Ullama busca arredor dunha vintena de persoas para participar na recollida da mazá de sidra no municipio.

En comarcas
En Boqueixón, o Concello investirá case 450.000 euros en 22 obras destinadas a mellorar estradas e infraestruturas municipais.
En Cerdedo‑Cotobade, continúa a aposta pola vivenda pública, coa previsión de incorporar dous novos inmobles en San Pedro de Parada.
E en Lalín, xa está todo preparado para unha nova edición do Stock Outlet, que reunirá 30 comercios con descontos de, como mínimo, o 60%.

En deportes
O xinete estradense Pedro Barros proclámase campión galego de salto, logrando o ouro xunto ao seu cabalo Famous dos Fidalgos.
No fútbol, o CD Estradense afronta esta tarde, ás 20:30 horas, o seu último partido de pretempada na casa, fronte ao Arzúa, no Novo Municipal.
E mirando cara á fin de semana, a actividade deportiva será intensa: o sábado celebrarase a andaina “Goza do Ulla”, xunto a dous torneos triangulares de fútbol, o do Sporting Estrada e o do Berres.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_179558580_feed_1.mp3

Scroll al inicio