RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

A actualidade deste venres chega marcada pola decisión da Xunta de declarar a emerxencia cinexética en toda Galicia para controlar a poboación de xabarís. Tamén repasamos as actuacións que se están a desenvolver nas rotondas da PO‑841 ao seu paso polo casco urbano da Estrada para reforzar a seguridade viaria, así como o avance das obras do novo tramo da AG‑59 entre Pontevea e O Rollo.

Contamos as novas medidas da Xunta para facilitar o acceso á vivenda ás familias numerosas. Achegámonos á campaña de doazón de sangue “Un alento de vida”, que fai parada hoxe na Estrada, e informamos da repartición de gafas especiais para seguir con seguridade o eclipse solar do vindeiro 12 de agosto.

Falamos tamén da Lotería de Nadal 2026, coa comisión de festas do San Paio 2027 xogando integramente o número 34.870. Tentamos contactar coa agrupación Tequexetéldere, que xa se atopa en Lorient para participar durante toda a semana no festival intercéltico. Na axenda cultural, a Banda Municipal da Estrada actuará mañá no Festival de Bandas Centenarias de Ponteareas. Ademais, repasamos o programa da 48ª Festa do Escalo de Couso, que reúne gastronomía, música e o tradicional concurso de pesca, e pechamos contando que catro nenos e nenas da Estrada participarán desde este domingo nos campamentos da Lanzada.

En comarcas
Informamos da investigación a un veciño de Caldas de Reis, sorprendido conducindo en Sanxenxo co carné suspendido por orde xudicial. Tamén falamos da decisión do Goberno de declarar Padrón como zona afectada gravemente polo incendio forestal do pasado mes de xuño. En Vila de Cruces, este domingo organizarase unha observación solar con telescopio, aberta ao público. E en Valga, está en marcha o concurso para escoller o cartel da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

En deportes
O Estradense abre este sábado a tempada oficial co derbi da Copa Federación fronte ao Lalín, cun prezo único de 10 euros para as entradas. Tamén repasamos a XXX Subida A Estrada, que reunirá esta fin de semana a 78 pilotos. Ademais, tres atletas do Atletismo A Estrada competirán no Campionato Galego de 10 km en ruta este sábado. E pechamos coa clausura dunha nova quenda do campus deportivo, que volve reunir numerosos rapaces arredor da práctica deportiva durante o verán.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_178217053_feed_1.mp3

Scroll al inicio