A actualidade deste xoves, 30 de xullo, chega marcada polas investigacións en Codeseda para determinar o destino dunha parte importante da auga que se consume na zona. Lembramos tamén que este xoves remata o prazo para solicitar as axudas ao saneamento no rural, con fondos aínda dispoñibles. Ademais, comezan os traballos previos ás obras do parque de Figueiroa, unha actuación que permitirá avanzar na mellora deste espazo público.
A Comisión de Organización abordará este xoves a proposta de fixar os festivos locais de 2027. Repasamos tamén as novidades na fonte da Praza de Galicia, lembramos que esta tarde haberá unidade móbil de doazón de sangue e falamos da campaña da Garda Civil para previr agresións e casos de submisión química durante as festas de verán.
Miramos cara a Portugal coa presentación da nova guía do Camiño da Geira e dos Arrieiros, seguimos a viaxe de Tequexetéldere cara ao Festival de Lorient, avanzamos detalles da festa anual da Banda Municipal e pechamos cun chamamento solidario da Hermandade de Venezolanos da Estrada para colaborar no envío de medicamentos ao seu país.
En comarcas
A Banda de Música de Caldas representará a Galicia esta fin de semana nun dos certames máis prestixiosos do mundo para formacións de vento, considerados os “Xogos Olímpicos” das bandas. Ademais, a Festa do Pemento de Herbón suma un novo recoñecemento: a ONCE dedicará por primeira vez un dos seus cupóns a esta celebración, levándoa a millóns de fogares de toda España.
En deportes
Ultímanse os flecos da 30ª edición da Subida á Estrada, e falamos co presidente estradense para coñecer os detalles finais desta cita deportiva.
