No informativo de hoxe repasamos a actualidade da Estrada e da comarca cunha ampla variedade de temas sociais, culturais, políticos e deportivos.
Abrimos coa xornada de convivencia organizada por Agadea en Couso, que reuniu a 90 persoas ao aire libre. Tamén coñecemos os detalles das 52 prazas que A Estrada terá este verán para o Campamento do Mar na Illa de Ons.
No ámbito político, o BNG da Estrada escolle a Marcos Borrageros como candidato á alcaldía para 2027, mentres que o PSOE estradense reclama explicacións ao goberno local pola reunión sobre a folga do lixo convocada para as festas de San Paio.
A axenda cultural chega cargada: a Escola Infantil Undoustres celebra o seu festival de fin de curso na Feira, a Escola da Banda Municipal organiza dous festivais esta fin de semana, e Estradanza reúne máis de 300 alumnos no seu espectáculo anual. Ademais, a Praza da Farola acolle esta tarde o concerto Jazz na Farola, e Couso despedirá o programa “Xogamos? Ata dentro dun tempo” cunha festa para a cativada o 13 de xuño.
En comarcas, coñecemos o proxecto da Deputación e o Concello de Boqueixón para potenciar o Pico Sacro, a graduación no Centro de Formación Agraria de Sergude e a doazón solidaria do colectivo Nas Mans da Avoa á Fundación Terra de Homes. En Valga, o Concello dedicará unha rúa ao alcalde republicano Celestino Carbia o 4 de xullo.
No deporte, o xuvenil do Estradense xógase a permanencia este sábado no Novo Municipal, o Tenis Recreo Cultural afronta unha dobre cita decisiva en Sanxenxo, e preto de 1.200 deportistas participarán no Torneo de Verán de Fútbol Sala da Estrada os días 20 e 21 de xuño.
