No informativo de hoxe repasamos a actualidade da Estrada e da comarca cun primeiro balance de seguridade cidadá: a criminalidade baixa, pero os ciberdelitos seguen en aumento neste primeiro trimestre do ano.
A nivel local, a oficina de turismo da Casa das Letras abre xa as súas portas para adiantar servizo de cara á tempada alta e ás grandes citas das próximas semanas: Feira da Sidra, San Paio e a Rapa das Bestas. Precisamente, a Feira da Sidra quenta motores cun éxito rotundo: máis de 2.400 vasos vendidos de maneira anticipada e tickets dispoñibles para Tapas e Racións.
Tamén continúa a limpeza de rúas no núcleo urbano —hoxe na rúa 25 de Xullo— e o Concello anuncia unha oferta pública de emprego con cinco novas prazas. A xornada complétase coa chegada do Son do Lagar, que abre unha fin de semana cargada de actividade cultural, e coa gran exhibición de fin de curso de Sondodance, que reunirá máis de 400 bailaríns. Ademais, as festas de San Paio 2026 apostan forte polo deporte con fútbol sala, bicicleta, baloncesto e tenis, cun prazo de inscrición do 8 ao 12 de xuño.
Na comarca, o Ministerio desestima dous parques eólicos previstos en Lalín, Rodeiro e Dozón, mentres Silleda impulsa melloras en catro centros sociais do rural cun investimento superior aos 54.000 euros.
No deporte, o Campus Deportivo de Verán bate récord de participación e admite todas as solicitudes. Semana intensa tamén nos banquiños: o CD Estradense renova o seu corpo técnico con Manuti á fronte; Fon será o novo adestrador do Sporting Estrada; e Diego Castro continuará liderando o Estrada Futsal no seu regreso á Preferente Norte.
A fin de semana chega cargada de competicións: o Atletismo A Estrada estará presente en varias citas estatais e autonómicas, dez ximnastas competirán no Campionato de España de Trampolín en Valladolid, e Brais Rey buscará destacar no Nacional Sub-16, acompañado por sete estradenses no Sub-18 de Lugo.
