No informativo de hoxe repasamos a actualidade da Estrada e da comarca. Coñecemos o programa completo das Festas do San Paio, presentado esta mañá, cun pregón a cargo de Tequexeteldere e coa novidade do traslado dos fogos artificiais á rúa 56. Lembramos tamén que o prazo para arranxar gratuitamente problemas na TDT remata o 31 de maio.
Ademais, xa hai data para a venda das entradas dos Curros da Rapa das Bestas, que este ano só estarán dispoñibles por internet a partir do 1 de xuño. Falamos tamén do regreso dos Bonos Activa Comercio, da presentación no MOME do libro Volveredes brindar por min, e da apertura de inscricións na piscina climatizada da AGASP para os cursiños de verán. Coesco abre tamén inscrición para un curso de maquinaria e movemento de terras, e en Moreira xa preparan a súa terceira Ruta Cabalar.
No ámbito social e tecnolóxico, destacamos novos recursos accesibles para aumentar a seguridade dos peregrinos no Camiño.
En comarcas, Silleda porá en marcha un convenio para repartir comida entre familias vulnerables, a Deputación anuncia novos investimentos en Vila de Cruces, Medio Rural supervisa traballos preventivos contra incendios en Forcarei e Valga abre inscricións para as actividades de conciliación do verán.
En deportes, A Estrada acollerá as fases finais dos torneos galegos de minibasket e preminibasket, e celebramos o título galego sub16 de Brais Rey nos 1.000 metros en Lugo.
