O episodio de hoxe chega cargado de actualidade local, comarcal e deportiva. Comezamos en A Estrada, onde un informe do Club Financeiro de Santiago analiza o potencial económico do municipio e sinala a necesidade de reforzar a cooperación empresarial para gañar competitividade. Ademais, avanzamos detalles da primeira edición de Terra Emprende, a feira que reunirá 45 proxectos emprendedores a finais de mes na Carpa do Concello.
Tamén repasamos a situación laboral na provincia, coa folga do sector do metal en Pontevedra, e coñecemos novos investimentos: a futura senda peonil e ciclista ata Toedo, cun orzamento superior a 1,1 millóns de euros, e a aprobación das contas de 2025 da Fundación de Exposicións e Congresos.
No ámbito tecnolóxico, falamos do lanzamento de Bizum Pay, que permitirá pagar en tendas físicas. E na actualidade urbana, lembramos que a Rúa 56 continúa cortada polas obras do mural de Pablo Loyola, aínda que abre cada tarde ás 17:30. Ademais, as obras da prolongación da AG-59 obrigarán a pechar durante seis semanas o enlace da Ramallosa. Pechamos o bloque local coa celebración en Callobre do primeiro dos tres festivais Folk de Raíz, organizado polo grupo Regatos, que chega á súa edición número 25.
Na comarca, o presidente da Deputación, Luis López, presentou en Rodeiro o plan para mellorar a estrada entre Carboentes e Arnego e pediu ao Concello desbloquear un investimento dun millón de euros. O Senado tamén aprobou a proposta do BNG para reclamar a reforma integral da N-541 ao seu paso por Cerdedo-Cotobade. E en Forcarei, o municipio súmase á ruta gastronómica “Sabor das Rías Baixas”, cunha food truck e degustacións gratuítas do 21 ao 23 de maio.
No deporte, o Estradense organiza buses a 5 euros para que a afección acompañe o equipo este sábado en Arteixo. O presidente Toño Camba cóntanos como está sendo a semana para o club.
