RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

No informativo de hoxe repasamos a actualidade da Estrada e comarca cunha ampla variedade de temas sociais, culturais, educativos e deportivos.

A comisión das Festas de San Paio abre o petitorio popular na Sala Abanca, mentres o Concello eleva ata 120.000 euros as axudas para actividades culturais e festas, cunha reunión informativa prevista para mañá. Ademais, A Estrada contará por primeira vez cun regulamento de honras e distincións e o pleno abordará tamén un crédito de 2 millóns para proxectos do Plan Edil.

Falamos da aceptación da reversión dos antigos xulgados nº 1, que pasarán á Xunta para o servizo de atención temperá, e da reclamación dos veciños da Pica para corrixir un erro histórico no empadroamento. O PSOE critica o plan de bacheos e o estado das vías municipais, e o Concello recibe aos participantes franceses do Erasmus do IES Antón Losada.

No ámbito educativo, destacamos a mobilización prevista hoxe para reclamar máis recursos no ensino público. Na axenda cultural, o Teatro Principal acolle esta fin de semana a “Iribarne” e “De Vacas”, e a Biblioteca Municipal programa o espectáculo infantil “Colorín Colorete” para bebés de 0 a 3 anos.

En comarcas, Sanidade activa o protocolo tras un novo foco de sarna noruega en Vila de Cruces; o BNG pide actuacións urxentes polas filtracións no CEIP de Agolada; Rodeiro deberá presentar un plan económico pese a ter débeda cero; Boqueixón investirá máis de 460.000 euros en melloras en Lestedo; e O Pino devolverá o cobrado de máis no saneamento tras un erro no cálculo da depuradora. Ademais, Merza prepara unha feira de artesanía con música en directo o día 9.

En deportes, o Estradense xógase o play-off este domingo no Novo Municipal fronte ao Barco e coñecemos o ambiente no vestiario da man do capitán Pablo Carabán. Tamén repasamos a dobre xornada de competición para o atletismo estradense en Ourense e A Coruña, con catro atletas sub18 en acción.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_173248180_feed_1.mp3

Scroll al inicio