En Radio Estrada seguimos apostando polo que se fai aquí e polo que nos representa. Esta semana os nosos micrófonos recolleron dúas historias que falan de esforzo, creación e compromiso co territorio. Porque o talento local e galego sona con forza na nosa casa.
O pasado 13 de febreiro, a nosa compañeira Neves Rodríguez entrevistou a Ariadna Silva, escritora e codirectora do documental 360 Curvas. Unha longametraxe documental de 82 minutos, rodada en galego, que toma como referencia as 360 curvas que separan A Fonsagrada de Lugo para reflectir a decadencia dun lugar que, a comezos dos anos 90, decidiu loitar pola súa supervivencia.
Co-Dirixido por Ariadna Silva Fernández e Alejandro Gándara Porteiro, o filme foi finalista a Mellor Documental nos Premios Mestre Mateo 2026 e seleccionado en festivais como o FICX de Xixón, Cineuropa ou o Cormorán Film Fest. Produce Rebordelos e distribúe La Machina. Na entrevista, Ariadna explicou o proceso creativo, o traballo coa memoria e o simbolismo destas “360 curvas” que van moito máis alá dun simple trazado de estrada.
🎧 Escoita aquí a conversa con Ariadna Silva e descubre todo sobre “360 Curvas”.
E onte, 20 de febreiro, no espazo Ensaiar é de Covardes, a nosa compañeira Isa Durán conversou co músico estradense EledeLewis, que repasou a súa traxectoria e o momento actual da súa carreira.
Durante a entrevista escoitamos tres dos seus temas: “Me presento”, “Mamá y papá” e “Me duele”, o seu último sinxelo. Ademais, confirmou que actuará o vindeiro 6 de marzo na Estrada, unha cita especial para compartir a súa música coa veciñanza.
🎶 Escoita aquí os últimos temas de EledeLewis e a súa conversa en Radio Estrada.
Dúas conversas, dous ámbitos distintos —a creación audiovisual e a música— pero unha mesma idea: en Radio Estrada o talento ten voz propia.
