RadioEstrada

⚠️ Pedras impactan contra vehículos na Ponte de Baloira de madrugada

Familiares dos propios condutores afectados puxéronse en contacto esta mañá con Radio Estrada para advertir da caída de pedras desde a Ponte de Baloira, uns feitos que provocaron importantes danos materiais en varios vehículos que circulaban pola estrada de madrugada.


Segundo a información facilitada á nosa redacción, os incidentes producíronse arredor das 5:00 horas. Nun dos casos, unha pedra de considerables dimensións e 6kg de peso, chegou a atravesar o parabrisas dun turismo, impactando posteriormente nos asentos traseiros do vehículo. Noutro episodio, outro coche resultou danado tras recibir o golpe doutra pedra no capó.


Ata o lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil, que inspeccionaron a zona e comprobaron que había máis pedras sobre o asfalto. Polo momento non se pode confirmar a orixe da caída nin se se tratou dun desprendemento accidental ou doutra circunstancia.
Afortunadamente, non constan danos persoais, aínda que os vehículos sufriron desperfectos de diversa consideración.


Dende Radio Estrada recomendamos extremar a precaución ao circular por este punto ata que se esclarezan as causas do sucedido. Seguiremos informando de calquera novidade relacionada con este asunto.

Scroll al inicio