Unha madrugada marcada polos incidentes nos viais da comarca. Varios condutores denunciaron a caída de pedras desde a Ponte de Baloira, que provocou danos en vehículos que circulaban entre A Estrada e Santiago. O alcalde Gonzalo Louzao pasou polos nosos estudos para analizar o impacto do temporal na rede viaria e explicar a evolución das obras en San Miguel de Castro tras o recente escorregamento de terras.
A xornada tamén estivo marcada pola protesta da CIG e dos traballadores de Geseco, que se concentraron diante do Concello para reclamar un convenio laboral despois de sete anos de privatización do servizo de recollida do lixo.
No ámbito cultural, Ariadna Silva presenta mañá nos Minicines Central a súa longametraxe documental 360 Curvas, nominada aos Premios Mestre Mateo e centrada no despoboamento do rural.
En Comarcas, un piñeiro de 3.000 quilos caeu sobre un coche en Caldas, deixando unha moza de 20 anos con vida de auténtico milagre. Ademais, un incendio no comedor do CEIP de Tenorio obrigou a suspender as clases en Cerdedo-Cotobade, á espera de que a Xunta determine se a suspensión se estenderá tamén ao venres.
