RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, visitou San Miguel de Castro tras o desprendemento que obrigou a cortar a estrada cara Adoufe. O Concello anuncia a construción dun muro de contención para garantir a seguridade viaria. Louzao tamén cualificou de “incomprensible e inaceptable” o silencio do Goberno sobre a situación da N‑640, alertando de que o firme empeora cada día e reclamando unha intervención integral urxente.

No mesmo sentido, o PP de Cuntis levará de novo ao Congreso a mellora da N‑640 polo seu “lamentable estado”, denunciando anos de abandono a través dos deputados Pedro Puy, Juan Bayón e Irene Garrido.

O Concello da Estrada impulsa ademais a negociación dun convenio colectivo en Geseco antes de licitar o novo servizo do lixo. O acordo entre empresa e traballadores incorporarase aos pregos, pendentes aínda de axustes económicos.

No ámbito sanitario, convócase unha nova folga indefinida de médicos de atención primaria a partir do 2 de marzo. O sindicato O’Mega suma este paro ao previsto entre o 16 e o 20 de febreiro en protesta polo estatuto marco.

A Fundación Castelao visitou A Estrada para avanzar na organización do Ano Cultural Virxinia Pereira, nun encontro entre o alcalde e o presidente da entidade, Miguel Anxo Seixas. Pola súa banda, o BNG acusa o PP de “cinismo” na homenaxe a Castelao, asegurando que o goberno local presenta como propia unha proposta que previamente rexeitara.

E xa está todo preparado para a 39ª Cea das Mulleres, coa inscrición aínda aberta para todas as interesadas.

🏞️ Comarcas
A Deputación investirá 125.000 euros na praia fluvial de Cerdedo.
A Xunta ofrece ao Concello de Padrón cofinanciar con 258.413 euros a mellora do centro de saúde.
En Silleda, xa está aberto o prazo para participar na 11ª edición do Concurso Balbino, cun premio de 1.500 euros e publicación para a obra gañadora.

🏃 Deportes
Eva Gil será a única representante da Estrada no Campionato de Galicia absoluto en pista cuberta. A atleta sub23 competirá este sábado na proba de 60 metros valos.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_168249324_feed_1.mp3

Scroll al inicio