Hoxe luns 9 de febreiro entramos na semana festeira por excelencia e por iso botamos a áncora e abarloamos a nosa dorna entroideira en Bandeira, Silleda e en Aríns, Santiago de Compostela. Soubemos dos seus programas, itinerarios e das características propias de cada entroido que tan ben nos contaron Alberto e Rosanna. Por certo, Alberto no nome da Asociación do Entroido dos Xenerais da Ulla de Bandeira e de toda a parroquia deixou en directo un viva para a radio e á veciñanza da Estrada que deu xenio escoitalo.
Na nosa sección, Con Sumo Coidado, Ana Cores púxonos en alerta ante eses contratos de luz, de telefonía móbil feitos por teléfono.
E demos conta dunha boa nova para a saúde das mulleres no concello da Estrada. Salomé López García, enfermeira especialista en enfermeiría de familia e comunitaria veu poñernos ao día dun estudo que se vai facer sobre a menopausia e o climaterio. Se estades interesadas dádelle ao Play.
