RadioEstrada

Un deslizamento de terras en San Miguel de Castro tira unha torre de alta tensión e provoca un corte de luz

O suceso provocou un corte de luz e deixou máis de 400 metros de tendido eléctrico sobre estradas municipais

Un importante deslizamento de terras produciuse esta mañá en San Miguel de Castro, provocado polas fortes choivas e a acumulación de auga no terreo. O incidente rexistrouse arredor das 9 da mañá, cando os veciños escoitaron fortes explosións e, de inmediato, produciuse un corte no subministro eléctrico.

Horas despois confirmouse que o desprendemento levou por diante unha torre de alta tensión, facendo que máis de 400 metros de tendido eléctrico caesen sobre varias estradas municipais, o que obrigou a extremar as medidas de seguridade na zona. Debido á presenza do tendido eléctrico nas pistas municipais, o lugar de Adoufe quedou incomunicado.

Dende primeira hora da mañá, operarios especializados traballan arreo apoiándose en tres xeradores de gasóleo, para restituir o servizo eléctrico mentres continúan as tarefas de reparación.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, púxose en contacto coa empresa subministradora, para ofrecer a colaboración da maquinaria municipal, aínda que polo de agora non foi necesario empregala.

Cómpre destacar que, nos días previos ao deslizamento, os propios veciños de San Miguel de Castro xa observaran fendas moi preocupantes no terreo, un feito que agora cobra especial relevancia tras o ocorrido.

A situación permanece controlada, aínda que se recomenda precaución nas vías afectadas ata que finalicen por completo os traballos.

Scroll al inicio