RadioEstrada

O Concello da Estrada estrea a súa primeira app oficial para achegar información municipal en tempo real á veciñanza

O Concello da Estrada xa conta coa súa aplicación móbil oficial, unha nova ferramenta dixital que nace co obxectivo de facilitar o acceso da veciñanza a toda a información cultural, social, deportiva e festiva do municipio desde un único espazo e directamente no teléfono móbil.

✅ Xa dispoñible para Android
👉 Accede á app aquí

A nova app busca mellorar a comunicación entre o Concello e a cidadanía, ofrecendo contidos sempre actualizados. Inclúe unha ampla axenda cultural e participativa, información sobre festas parroquiais, deportes, desenvolvemento local, asociacións e xuventude, ademais dun acceso directo á emisora municipal Radio Estrada.

Entre as funcionalidades máis destacadas está tamén un sistema de avisos e alertas de emerxencia, así como notificacións push configurables, para que cada usuario poida recibir só a información que lle resulte de interese. Ademais, a aplicación permite que os propios usuarios publiquen eventos, favorecendo a participación cidadá.

Desde o punto de vista técnico, a app está integrada co portal municipal aestrada.gal, compartindo contidos e axenda, o que garante información única, sempre actualizada e unha xestión máis eficiente.

Na actualidade, a aplicación xa está dispoñible para dispositivos Android a través de Google Play, mentres que a versión para iOS está en desenvolvemento e chegará proximamente. Trátase dunha ferramenta con vocación de crecemento, que irá incorporando novas funcionalidades segundo as necesidades da veciñanza.

A aplicación foi presentada esta mañá polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, xunto co concelleiro de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, Javier Ramos, de AEstradaDixital, e Brais Saco, de ALIA Technologies.

Scroll al inicio