Hoxe martes 27 de xaneiro o É de mañá levanta a persiana falando con Verónica Rodríguez, a nosa psicológa, das situacións que se crean á volta das emerxencias e das situacións de alerta. Como reaccionamos? O noso medo é real ou imaxinario? Que podemos facer para controlar e relativizar eses medos que nos levan a situacións como a merca compulsiva de enseres?.
Tamén, coma ben sendo costume desde que comezou o tempo de Entroido, botamos a áncora entroideira e facemolo en Lucí, Teo, xa que esta fin de semana hai atranques dos Xenerais da Ulla, falamos con Rubén Fuentes membro da Asociación Cultural Río Tella de Lucí quen nos contou cousas ben bonitas á volta das celebracións. E non paramos de entroidar xa que tamén fixemos parada no Concello de Maceda en Ourense onde Xosé Manuel Gil Ramos, membro da Asociación Os Felos das 12 Parroquias, contounos como viven o seu Entroido, como a veciñanza e o rural son as pezas fulcrais desta celebración.
E como a actualidade manda conectamos co servizo de Emerxencias de Cuntis, con Miguel Couto, o seu xefe, para poñernos ao día das incidencias que aconteceron durante a pasada noite e cal é a situación no día de hoxe. E o mesmo fixemos con Emerxencias da Estrada, que a través do seu portavoz Manuel Martínez tamén soubemos o que aconteceu no concello e na súa área de influencia. E todo aprimorado pola colaboración dos nosos ouvintes, que son o maior tesouro que temos.
