No informativo de hoxe repasamos a situación de aviso vermello por choivas no interior de Pontevedra, que deixa desaloxos en Cuntis e a suspensión das clases na Estrada. O Concello estradense pide tamén colaboración veciñal para facilitar a recollida do lixo ante os problemas xerados polos vehículos mal estacionados.
Falamos con Gonzalo Louzao, que destaca en Radio Estrada a aposta polo turismo durante todo o ano coa Ruta da Sidra e pon en valor o rural estradense tras a celebración de RuralMente. Ademais, Couso acolle a última sesión do Obradoiro da Danza do Entroido da Ulla, cunha xornada aberta ao público e música en directo.
Na comarca, Silleda reordena o tráfico na avenida do Parque polo avance das obras de humanización; Cuntis presenta a súa aposta pola tradición e polo talento local na XXVII Festa do Lacón con Grelos; e en Moraña coñecemos a nova senda peonil e ciclista da PO‑221, presentada pola Xunta cun investimento próximo aos 380.000 euros.
En deportes, como cada luns repasamos os resultados do fútbol da fin de semana e seguimos a pista dos nosos deportistas fóra de Galicia. Celebramos a medalla de ouro en París de Andrés Carballeda Abeijón, do Clube de Natación e Salvamento A Estrada, convocado coa selección galega. O Bádminton A Estrada regresa de Sevilla tras competir de novo na liga nacional nove anos despois, e no ámbito do atletismo, Brais Rey participou en Córdoba coa selección galega de campo a través na categoría Sub‑16 do Campionato de España.
