RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

📰 Informativo de hoxe en Radio Estrada

A Deputación de Pontevedra anuncia un investimento de máis dun millón de euros para mellorar a estrada provincial A Estrada–Forcarei (EP-7001), unha actuación clave para a mobilidade da comarca. No ámbito turístico, A Estrada presentará en Fitur a súa Nova Ruta da Sidra, unha experiencia ligada ao ciclo da mazá que busca posicionar o municipio como destino enogastronómico.

Tras varios días de incidencias, o servizo de telecomunicacións queda practicamente restablecido nas parroquias afectadas pola avaría da pasada semana. Ademais, o concello estrea “RuralMente”, unha xornada para poñer en valor o sector agrogandeiro que se celebrará este sábado no Pazo de Xerlís con produtores e produtoras da zona.

No ámbito social, todos os mozos e mozas de 16 anos poden beneficiarse do Plan VEO, unha axuda estatal de 100 euros para a compra de lentes, gafas ou lentillas. A Estrada acollerá tamén un curso ocupacional destinado a persoas en risco de exclusión social. E desde hoxe ata o día 22 está operativa na vila a unidade móbil da ITV.

🌍 Comarcas:
A fin de semana deixaba o roubo dun vehículo nun taller de Vedra, que finalmente apareceu no concello de Sada. O Instituto Galego da Vivenda e Solo abre unha nova convocatoria de axudas de ata 30.000 euros para rehabilitar vivendas no rural en concellos de menos de 5.000 habitantes. A Xunta aproba o proxecto para o ensanche e mellora da PO-230, cun investimento de 4,4 millóns de euros. En Forcarei destinaranse 800.000 euros á rehabilitación de dez antigas casas de mestres para alugueiro social. E en Cuntis, a Xunta investirá 1,1 millóns na reforma integral do CPI Aurelio Marcelino Rey García.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_166964073_feed_1.mp3

Scroll al inicio