O Concello da Estrada acolleu a primeira reunión do Comité de Dirección do Plan de Saúde Local 2026-2030, un documento estratéxico que dá continuidade ao anterior e que aposta por reforzar a Atención Primaria e avanzar cara un modelo de saúde máis integrado. O obxectivo é ofrecer unha atención máis próxima, proactiva e adaptada ás necesidades reais da poboación, coordinando mellor a atención sanitaria, os servizos sociais e a acción comunitaria.
O comité está presidido polo alcalde, Gonzalo Louzao, e intégrano tamén o xefe de Atención Primaria na Estrada, Juan Sánchez Castro; a xefa de Enfermería do centro de saúde, Maite Matalobos; o concelleiro de Sanidade, Óscar Rancaño; e a concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar.
Na xuntanza analizáronse os resultados da última OPE e do concurso de traslados, o seu impacto no cadro de persoal e a cobertura de vacantes, así como o reforzo de Enfermería en horario de tarde e nas fins de semana no Punto de Atención Continuada.
O plan inclúe iniciativas comunitarias como a incorporación á Rede Española de Cidades Amigas da Infancia e das Persoas Maiores e o proxecto e-GALIAT, para promover unha alimentación saudable baseada na dieta atlántica. No ámbito sanitario, prevé melloras no PAC, a continuidade da e-consulta avanzada en cardioloxía, unha nova e-consulta neurolóxica para a detección precoz de problemas de memoria e unha mellor atención ás persoas con enfermidades crónicas complexas, tanto en residencias como nos domicilios.
