
👉 ▶️ Escoita aquí
Hoxe traemos a ampla conversa mantida co alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, quen debuxou como afronta o municipio este 2026. No programa «É de mañá», de Neves Rodríguez, o rexedor destacou a singularidade dun concello con máis de 470 núcleos de poboación, algo que o fai único pero tamén complexo á hora de distribuír investimentos, especialmente no que ten que ver cos Fondos Europeos.
Louzao explicou tamén o estado das obras da Autovía AG‑59 cara Santiago, cuxo remate sitúa nun prazo de tres veráns e cun orzamento de 33 millóns de euros. O alcalde recoñeceu as molestias que os traballos están a causar e anunciou reunións semanais para atender dúbidas e incidencias da veciñanza.
Outro dos puntos destacados foi a ampliación do polígono de Toedo, onde xa hai empresas interesadas tanto da Estrada como de fóra. Louzao insistiu na necesidade de facilitar o asentamento de novos proxectos empresariais.
O alcalde abordou tamén cuestións demográficas, recoñecendo a tendencia negativa de envellecemento no municipio e confiando en que a chegada da autovía abra novas oportunidades. No ámbito da vivenda, explicou a cesión á Xunta da parcela destinada ás 28 vivendas protexidas, que considera insuficientes, pero son un primeiro paso cara a novas promocións.
Ademais, confirmou que o Concello xa saldou a débeda cos traballadores, un montante próximo aos 3 millóns de euros.
A conversa deixou tamén un titular curioso: “A Estrada ten praia”. Louzao referíase á cesión por 50 anos da Sociedade Deportiva de Caza e Pesca Río Ulla, así como ás actuacións previstas no Xirimbao e á mellora da área recreativa da ponte colgante, que buscan potenciar o uso público deste espazo natural.
