A Estrada, 9 de decembro de 2025.–
A xornalista Raquel Campos Pico resultou gañadora do XXX Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela coa reportaxe “Non estamos ben en internet”. O xurado escolleu a súa peza por maioría entre as 21 candidatas presentadas nesta edición, que marca ademais os 30 anos de historia do certame.
O tribunal —formado por Lois Docampo Míguez, David Cofán Mazás, Ana Cela Neira, Yuri Carrazoni Mier, Juan Andrés Fernández Castro e María Victoria Reimóndez Sanmartín— destacou que a obra aborda “o impacto da hiperconexión na saúde mental e no benestar emocional, así como a presión que xera no entorno laboral”. Salientaron tamén a súa lectura “amena e directa”, capaz de conectar co público desde o primeiro parágrafo, e a reivindicación dun “xornalismo lento e reflexivo” fronte á desinformación.
A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, contactou coa autora para trasladarlle a felicitación do Concello da Estrada e lembrou que esta é a segunda ocasión na que Campos Pico logra o galardón, despois de conseguir o premio en 2016 coa reportaxe “Descubrindo á esquecida Marquesa Roja”.
Graduada en Ciencias da Información en 2007, Raquel C. Pico exerce como xornalista freelance dende hai unha década, desenvolvendo o seu traballo entre Compostela e Vigo. Explica que ela mesma vive “dos dous lados” da hiperconexión, un fenómeno que —apunta— está convertendo a posibilidade de desconectar nun “privilexio de clase”. A reportaxe premiada recolle precisamente esta dobre perspectiva, profesional e persoal, sobre o impacto de vivir permanentemente conectados.
