
A Unidade de Atención Temperá da Estrada amplía o seu servizo: cada profesional pasa de 20 a 30 horas semanais e atenderán a 45 nenos
A Unidade de Atención Temperá da Estrada comezou a traballar con horario ampliado. Cada profesional pasa de 20 a 30 horas semanais, o que permitirá incorporar novos nenos e reducir as listas de espera. En total, son 45 os pequenos que reciben atención neste servizo municipal: 20 en terapia ocupacional, 22 en psicoloxía e outros 22 en logopedia.
A concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, explicou que o incremento coincidiu coa nova adxudicación do servizo, que volverá xestionar a empresa Foltra, cun contrato dun ano prorrogable e un orzamento de 175.500 euros.
Goldar destacou que o aumento horario mellorará tamén a coordinación entre as profesionais e os servizos comunitarios, como colexios, escolas infantís e pediatras. O servizo é gratuíto para as familias, financiado case ao cen por cento pola Xunta.
A concelleira recoñeceu ademais que as actuais instalacións son mellorables e avanzou que o traslado da unidade está previsto no futuro Edificio Integrado de Servizos Sociais que se construirá no solar do antigo INEM.
