A Estrada (Pontevedra) acolleu o 8 de outubro de 2025 a entrega dun completo kit de material específico para rescate en altura ao Grupo Especial de Localización e Rescate (GELR) da ONG Intervenciones, Ayuda y Emergencias (IAE) de Galicia. O acto, que tivo lugar no hangar do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), contou coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e do director da Axega, Marcos Araujo.
O equipamento cedido en propiedade a este equipo de voluntarios inclúe unha camilla de rescate, bobina, saco autoportante, mochila para barrancos, portamaterial de cinta, aneis de cinta, mosquetóns, bloqueadores, arneses, descensores autofreantes, poleas, cabos de ancoraxe e placa multiancoraxe ou anticaídas deslizante. Este material reforzará a capacidade de actuación do GELR, un equipo de voluntarios altamente especializado na busca e rescate de persoas, con rescatadores, sanitarios, cans adestrados e outros expertos.
A traxectoria do GELR-IAE inclúe destacadas intervencións en grandes catástrofes, como o terremoto de Turquía en 2023, e colaboracións en buscas a nivel nacional. A través dun convenio de colaboración, a delegación do GELR-IAE forma parte dos medios mobilizables da Xunta de Galicia ante situacións de emerxencia, integrándose nos equipos de intervención e colaborando na planificación de dispositivos de risco previsible e en actividades de prevención.
Cabe destacar que o GELR-IAE de Galicia foi un dos efectivos desprazados no continxente galego que prestou apoio durante a DANA de Valencia, unha labor pola que este grupo de voluntarios foi condecorado coa medalla ao mérito da protección civil de Galicia.
